¡En pé!
¡Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
cantémo-lo dereito
a libre nova vida!
Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas…
¡irmáns asoballados
de xentes extranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!
¡Irmáns no amor á Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡en pé dispostos
a non morrer sin loita!
¡O día do Medudio
con sangre quente e roxa
mercámo-lo dereito
a libre honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
“A nosa terra é nosa!”
CABANILLAS:
(Da terra asoballada)
Ista é unha composición do poeta Ramón Cabanillas sobre a nosa
bandeira.
Claro que a nosa bandeira non foi
sempre como hoxe a contemplamos. Os galegos do pasado xuntáronse,
cantaron, sufriron ou choraron ó pé dun ou outro símbolo
aparentemente distinto do actual pero que no fondo significaba o mesmo.
Nas súas orixes, a bandeira galega foi branca ou vermella,
indistintamente, cun escudo no centro. Andando o tempo, a vermella foi
converténdose nos distintos pendóns que representan ós concellos. A
color branca tivo máis fortuna, como habemos ir vendo.
Era o ano 1809. Galicia e España enteira estaba en guerra cos
franceses. Un grupo de mozos da Universidade de Santiago decidiu
intervir tamén na loita co nome de Batallón Literario. Decididos a
combater en terras galegas ó invasor francés, querían ter presente a
Galicia dunha maneira ben visible e clara – ante eles mesmos e ante os
ocupadores - de tal modo que os franceses se decatasen de que estaban en
loita cos galegos.
Branca foi tamén sen dúbida a bandeira que no ano 1846 se alzou desde
Galicia contra a opresión do goberno centralista e en favor da
dignidade dos galegos. Semella verdadeiro milagre que a enseña daquel
colectivo de civís e militares sublevados non quedase tinguida co
sangue dos brutais fusilamentos, pois
os valentes galegos que á sazón se levantaron só polo ben da terra
tiveron final tráxico na vila coruñesa de Carral. Para a memoria común
de todos nós, érguese alí en testemuña desa data o Monumento ós Mártires.
¿Cal foi a causa de que a bandeira branca se impregnase da cor azul do
ceo? Non se sabe con certeza de onde procede a franxa celeste que exhibe
a nosa enseña. Quizais que sexa evocación do mar, do ronsel sobre o océano
da grande travesía emigratoria. Ou quizais da bandeira da Comandancia
de Mariña
da Coruña, chegada un día ás mans dos emigrados e confundida por eles
coa galega. E quizais tamén como influencia do azul presente en
distintas bandeiras dos países de América cos que estaban en contacto.
Sen que debamos descartar tampouco, en fin, certos motivos e matices
azulados que figuraban e figuran
nalgúns pendóns galegos.
Cando en 1908 morre na Habana Manuel Curros Enríquez, xa a enseña azul
e branca tremeceu no vento desde os centros galegos e incluso non
galegos. Despois, acompañou ó egrexio finado a través do mar na súa
volta definitiva á Terra, para arroupalo no campo santo coruñés de
San Amaro.
A nosa bandeira quedaba, pois, fixada tal como a vemos hoxe. Así a
levantarán as Irmandades da Fala, o Grupo Nós e o Partido Galeguista. |